Oleiros, 13 de outubro de 2017-. O ciclo “Un Oleiros de cine” continúa este domingo coa película Mimosas. A proxección está prevista para as 19:30 horas no auditorio da Fábrica. A entrada é gratuíta con invitación, que poderán recollerse desde unha hora antes do inicio do filme.
A película conta a historia de Ahmed e Saïd, que atravesan as montañas do Atlas marroquí nunha caravana coa misión de conducir ao patriarca moribundo ao pobo onde naceu, no que espera atopar ao fin repouso. A viaxe preséntase chea de incógnitas. Noutro lugar, se cadra noutra época, Shakib, un bufón entre os taxistas, é recrutado coa encomenda de vixiar a caravana e asegurar que a viúva do patriarca vexa cumprida a promesa da tribo. Desorientados, terán que superar a neve, a persecución, o asalto e o rapto, mais nun xiro quixotesco, Shakib fará que as mulas voen para atravesar as infranqueábeis montañas e transformar coa súa fe o destino da expedición.