Ábrese así un novo capítulo nesta obra integral de dragado e adecentamento do fondo da ría do Burgo, que foi tratado nunha xuntanza esta mañá, na que ademais da máxima autoridade do Estado Central en Galicia e do alcalde, participaron a Subdelegada, María Rivas; o xefe da Demarcación de Costas en funcións, Carlos Gil, e o concelleiro de Obras públicas e Medio ambiente, Antonio Molinos.
Completar ese pequeno treito de paseo supón a conexión natural das dúas vías litorais: a que procede do norte, desde Oleiros, e a que vén desde a desembocadura do río Mero, en Cambre. A pretensión de Costas era que o percorrido se realizase polo interior, a través dos camiños do parque do Paraíso, deixando o borde litoral sen permeabilidade, o que supuña unha inexplicable interrupción da senda marítima.
Se a pretensión municipal é aceptada por Costas, asinaríase un documento de colaboración entrambas institucións para rematar a obra dentro do proxecto de dragado da ría. O Delegado do Goberno comprometeuse a trasladar a proposta do Concello á Dirección Xeral de Costas en Madrid.