Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello reforza o programa de apoio a familias cun diagnóstico de TEA

O Concello de Oleiros continúa mellorando o seu compromiso coas familias con fillas e fillos con diagnóstico dentro do Trastorno do Espectro Autista (TEA). Para iso, o Concello contratará un servizo de apoio que ofrece acompañamento emocional, orientación especializada e espazos de encontro para afrontar os retos do día a día. Aínda que a atención sanitaria corresponde á Xunta, este programa complementario supón un recurso importante para estas familias. A boa acollida e a elevada participación fan necesario dar continuidade a estas actividades, integradas nos Servizos Sociais municipais.

O programa, integrado na iniciativa Familias Inquedas, púxose en marcha no 2024 coa creación dun primeiro grupo de apoio para familias con menores con diagnóstico TEA. A boa resposta obtida levou ao Concello a consolidar este recurso durante 2025 e a amplialo no primeiro semestre de 2026 coa creación dun segundo grupo, debido á elevada demanda existente. Ademais dos grupos de apoio, o servizo inclúe charlas divulgativas abertas á cidadanía sobre diferentes aspectos relacionados co Trastorno do Espectro Autista, contribuíndo a mellorar o coñecemento social sobre esta realidade e favorecendo unha maior sensibilización e inclusión.

Con esta iniciativa, o Concello de Oleiros continúa apostando por recursos especializados que melloran a calidade de vida das familias, favorecen a inclusión das persoas menores con TEA ó tempo que crean unha rede de apoio entre familias que comparten unha mesma realidade.

back link