Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello reclama especial atención policial en Alfonso Molina ante o corte de tráfico nas Xubias

Debido ás obras de demolición do viaducto de acceso ao CHUAC, a Xunta procederá ao corte total da estrada de acceso á Coruña polas Xubias os días 30, 31 de marzo e 1 de abril, entre o Burguer King e Servisa. Agás para dirixirse ao Materno, todo o tráfico de entrada á cidade terá que circular exclusivamente por Alfonso Molina; e para acceder ao CHUAC haberá que coller a rotonda de Matogrande e o túnel de Eirís.

Esta mañá celebrouse unha reunión informativa entre Xunta de Galicia e os distintos concellos afectados por este corte. Por parte do Concello de Oleiros reclamouse coordinación con Tráfico e presenza policial permanente en Alfonso Molina e na rotonda de Matogrande para atender posibles accidentes, posto que un simple roce entre dous coches podería provocar un colapso total dos accesos á cidade –o que xa sucede coa estrada das Xubias aberta con normalidade-. Máis se cabe tendo en conta o peche do ramal de acceso a Alfonso Molina desde Elviña, que provoca que todo o tráfico procedente de Arteixo, A Grela e Elviña teña que pasar por esa rotonda de Matogrande.

En canto ao transporte público, o Concello de Oleiros solicitou que os buses circulen directamente á cidade por Alfonso Molina sen desviarse nin ao Materno nin ao CHUAC. Para dar servizo a estes centros médicos durante os 3 días do corte, debería habilitarse un servizo especial que faga unha ruta circular entre a glorieta da Pasaxe e o CHUAC pasando polo Materno, para evitar importantes retrasos aos cidadáns que viaxen á cidade. É difícil de comprender que se poñan buses para festas e verbenas e non para os centros médicos da Coruña ante unha situación extraordinaria.

back link