Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello oferta 30 prazas para visitar a Casa Museo Manuel María

Oleiros, 30 de marzo de 2016-. O Concello de Oleiros organiza para o vindeiro sábado 23 de abril unha excursión á Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, espazo no que se alberga o conxunto do legado de Manuel María, lugar de referencia para dar a coñecer a súa obra e figura entre o pobo galego, e sede da Fundación Manuel María de Estudos Galegos. A saída tamén inclúe unha ruta guiada pola Terra Chá e por diferentes espazos e contornos referentes en toda a vida e obra de Manuel María, e que comprende: itinerario pola beira do Miño ata a Carballeira de Santa Isabel, visita á área de lecer e miradoiro de Penas de Rodas e itinerario cultural e ornitolóxico pola lagoa de Cospeito.

A actividade está dirixida a público familiar, preferentemente maiores de idade, pero valorarase a posibilidade de participación de menores de idade, sempre e cando asistan acompañados/as dunha persoa adulta. O prazo de inscrición ábrese o vindeiro luns 4 de abril e ofértanse un total de 30 prazas, tendo preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.

As persoas interesadas poden obter máis información e realizar as inscricións no Departamento de Cultura, no teléfono 981 610 000 ou nos correos electrónicos cultura@oleiros.org e r.caparros@oleiros.org.

Esta viaxe forma parte dun amplo programa de visitas guiadas por diferentes museos e exposicións temporais existentes en Galicia que destacan polo interese da colección artística ou pola propia arquitectura do edificio. Así mesmo, e seguindo a liña iniciada durante o ano 2015 en relación á programación de actividades de cultura vinculadas ao coñecemento, ao gozo e ao aproveitamento da natureza, o Concello de Oleiros desenvolverá diferentes saídas que poñan de manifesto e revaloricen a natureza coma patrimonio cultural a protexer e dar a coñecer.

 

back link