Oleiros, 6 de febreiro de 2014-. O Goberno local levou a cabo unha serie de melloras no centro cultural As Torres de Santa Cruz. Ao longo das últimas semanas, instalouse un novo equipo de proxección e de son, renovouse a estrutura e recuperouse o firme do escenario. Así mesmo, instalouse un cortinón de veludo como pano do escenario.
O centro cultural As Torres acolle representacións teatrais ao longo de todo o ano, así como distintas actividades culturais que son promovidas polo Concello de Oleiros e por diversas asociacións pertencentes á parroquia de Liáns. Debido ao altísimo uso do edificio e ao paso de tempo, foi necesario realizar estes traballos destinados a facilitar o acceso ás instalación e a mellorar o acondicionamento acústico e visual da sala de actividades. O investimento total nesta mellora é de 12.000 euros.