Oleiros, 01 de abril de 2016-. Cando se cumpren poucas semanas da finalización das obras de construción do muro de contención no porto de Santa Cruz, acaba de producirse un desprendemento entre o posto de socorrismo e a antiga caseta dos pescadores. Esa zona, na que tamén era preciso realizar tarefas de contención, non foi tratada por Portos de Galicia malia as demandas e indicacións realizadas desde o Concello de Oleiros.
“O que se fixo quedou ben, pero Portos de Galicia non quixo facer a totalidade do muro cando o custo non era moito máis. Agora sufrimos as consecuencias, e menos mal que non colleu a ninguén alí abaixo”, dixo o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. O derrubamento, por sorte, tan só causou danos materiais. Levou por diante un punto de luz pública e deixou fóra de seguridade a varanda perimetral do viario municipal na zona superior do noiro.
Xa o pasado día 17 de febreiro o Concello de Oleiros lle comunicara a Portos de Galicia por escrito a aparición de fendas, reiterando novamente a solicitude para que se adoptasen as medidas oportunas o día 26 de febreiro polo “risco de derrubamento” que presentaba o noiro.
O Concello de Oleiros demandará novamente que se fagan as obras de contención do noiro do porto de Santa Cruz de forma urxente e inaprazable, instando a Portos de Galicia a contratar unha obra de urxencia dado o alto risco de producirse máis derrubamentos nos próximos días, demandando que a obra a executar sexa similar á rematada hai unhas semanas.