Oleiros, 28 de marzo de 2019-. En colaboración coa asociación Querendo, o Concello de Oleiros vai desenvolver unha campaña coa que pretende informar e sensibilizar sobre esta enfermidade, que afecta a unha de cada dez mulleres en idade fértil. Trátase dunha doenza moi descoñecida, pouco visibilizada, pero que pode estar afectando a máis de 1.000 mulleres no noso concello.
A endometriose é de orixe xinecolóxica, hormonodependente, crónica, progresiva, que pode chegar a ser invalidante e produce moita dor. É denominada a epidemia oculta xa que tarda unha media de 8 anos en diagnosticarse. Un dos seus principais síntomas é ter unha regra dolorosa, polo que cando é algo máis que unha molestia e impide facer vida normal é recomendable acudir ao médico e facer unha revisión xinecolóxica na que se valore a posibilidade de estar padecendo esta inflamación do tecido endometrial.
A campaña consistirá na distribución nos distintos edificios municipais, así como en centros de saúde e instituos, dun folleto informativo. É fundamental que a poboación feminina, e canto máis nova mellor, teña coñecemento desta enfermidade e dos seus síntomas para poder reducir os tempos dun diagnóstico correcto.
Tamén se vai colocar en todos os baños para mulleres dos edificios públicos do concello un pequeno cartel coa mensaxe: “Se a regra non che deixa facer vida normal… algo vai mal”, co obxectivo de chegar cunha mensaxe clara ao colectivo de mulleres potencialmente afectadas.
Ademais, a noite do 29 de marzo, iluminarase de amarelo o Castelo de Santa Cruz co obxectivo de sensibilizar á poboación en xeral sobre esta enfermidade.