Oleiros, 19 de febreiro de 2019-. O Concello de Oleiros volveu denunciar publicamente o abandono do peirao de Mera por parte de Portos de Galicia. Hoxe mesmo produciuse un afundimento importante, que representa un perigo moi grave.
Ademais deste afundimento, o porto de Mera conta con graves fendas, buratos de grandes dimensións, postes en ruínas e distintas zonas ocas que supoñen un perigo moi grande para a estabilidade desta infraestrutura. Igualmente, a acumulación de area xunto á rampla provoca situacións extremadamente perigosas para as persoas que embarcan e desembarcan coas súas embarcacións neste peirao.
“Estamos enviándolles comunicacións constantemente a Portos de Galicia porque pode haber unha desgraza. Pero non fan caso ningún”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.
Ademais, en Santa Cruz, Portos de Galicia segue sen actuar sobre a varanda danada no último temporal. O Concello reparou os danos no paseo, pero Portos de Galicia segue sen actuar na súa zona, co grave risco de caída ao mar para calquera persoa que se achegue.