Ante esta situación, o Concello reclamou novamente por escrito á Xunta de Galicia un reforzamento das frecuencias nas horas punta, achegando fotografías tomadas por persoas usuarias nas que se demostra a saturación das liñas. Tamén se volveu solicitar a extensión dalgunhas liñas, como o caso da B-9 ata Lorbé e Dexo, sobre a que a Xunta segue sen responder 4 meses despois.
Cos problemas de mobilidade e tráfico existentes na comarca da Coruña, é insultante que a conselleira Ethel Vázquez exalte as bondades do transporte público, mentres segue sen resolver os problemas reais que soporta a cidadanía que usa o autobús e que frea que moitas outras persoas poidan usalo. Esta mesma conselleira impediu o pasado verán a conexión do bus urbano 1-A da Coruña ata Santa Cristina e ten paralizada a vía Ártabra sen ningunha previsión de reinicio das obras.