Oleiros, 11 de abril de 2022-. O Concello de Oleiros ten as competencias urbanísticas en todo o territorio municipal. As obras de paseos ou carrís bicis entran de cheo nestas competencias e, polo tanto, a Xunta de Galicia non pode facer ningunha destas obras sen falar antes co Concello de Oleiros.
En Oleiros existe un Plan Xeral urbanístico en vigor. Todos os viais previstos aparecen recollidos no documento. Para poder crear un novo que non estea contemplado no Plan hai que desenvolver un plan especial de ordenación do ámbito afectado. Tamén é necesario redactar un proxecto, comprar ou expropiar o solo necesario e ter un informe positivo dos impactos ambientais no medio natural.
O Concello de Oleiros presentou hai xa un ano á Xunta de Galicia o proxecto para a creación dun paseo fluvial para peóns e bicicletas desde Iñás ata O Seixal, de 4 km, que cumpre totalmente coas directrices europeas dos fondos Next Generation. Neste caso o proxecto si está aprobado e o Concello, despois de adquirilo, tamén é o propietario do solo necesario. Esta obra si que podería ser unha realidade inmediata para mellorar o medio ambiente e a mobilidade da cidadanía.
Igualmente hai numerosos tramos de estradas de titularidade autonómica sen arcéns nin beirarrúas, estreitas ou sen pasos de peóns. Os fondos europeos Next Generation tamén se poden empregar para este tipo de actuacións.