Oleiros, 8 de xuño de 2017-. O Patronato da Fundación Paz y González, na súa reunión do pasado 18 de maio, accedeu á petición que lle formulou nos últimos meses o Concello de Oleiros e liberou as partidas económicas dos anos 2014, 2015 e 2016. En total son 95.689,83 euros o importe correspondente a estes tres exercicios, a razón de 31.896,61 euros anuais, para repartir entre os veciños e veciñas máis necesitados da parroquia de Iñás.
Na comunicación recibida, o Patronato da Fundación tamén indica como teñen que tramitarse estas axudas a través dos Servizos Sociais Comunitarios do concello, atendendo ás bases aprobadas polo Patronato en febreiro de 2014 a instancia do propio Concello de Oleiros, quen trasladou no seu momento unha proposta de criterios e requisitos cara a facelo da forma mais obxectiva posible e atendendo aos estatutos da propia Fundación e do marco legal en materia de Servizos Sociais.
Todas as persoas veciñas da parroquia de Iñás que queiran recibir información sobre estas axudas poden solicitar unha cita coa traballadora social nas dependencias dos Servizos Sociais de Oleiros para recibir cumprida información dos requisitos, criterios e forma de acceder ás ditas axudas correspondentes ao período 2014-2016.
O obxectivo destas axudas e axudar ás familias beneficiarias a cubrir necesidades básicas como arranxos imprescindibles na súa vivenda habitual, pago do aluguer, compra de equipamento básico ou a educación dos menores, entre outros.