Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello de Oleiros reclama a execución das obras pendentes para garantir o abastecemento de auga na comarca

O Concello de Oleiros solicitará unha reunión urxente co Concello da Coruña para demandar a licitación inmediata das obras contempladas no Plan Estratéxico da Rede Xeral de Abastecemento da Área Metropolitana, redactado no ano 2010 e que continúa sen executarse dezaseis anos despois. O Goberno municipal considera imprescindible acometer sen máis demora unha infraestrutura fundamental para garantir a seguridade e a calidade do abastecemento de auga nos concellos de Oleiros, Cambre e Sada.

A situación actual resulta especialmente preocupante pola dependencia existente do depósito xeral de Bergondo, cuxo mantemento e explotación corresponden a Emalcsa. Unha incidencia relevante nesta infraestrutura podería comprometer o abastecemento de miles de persoas. Mentres Oleiros conta cunha rede de once depósitos municipais que contribúen a reforzar a seguridade do servizo e garantiza o abastecemento, Sada dispón dun único depósito e Cambre carece de depósitos propios, o que incrementa a vulnerabilidade do sistema.

O proxecto prevé a construción dun depósito intermedio entre A Telva e Bergondo, unha actuación que permitiría mellorar significativamente a eficiencia do sistema. Este novo depósito daría servizo a unha parte importante do municipio de Cambre e ás zonas baixas de Oleiros, evitando a necesidade de bombear a auga ata os depósitos de Bergondo, co conseguinte aforro enerxético e económico. Ademais, reforzaría as garantías de subministración para o concello de Sada e para as zonas altas de Oleiros.

Cómpre lembrar que ao longo destes anos mantivéronse diversas reunións entre as administracións implicadas para abordar a execución destas obras e acordar o seu financiamento. Os concellos afectados comprometéronse a asumir o pagamento correspondente mediante unha cota específica, mais a actuación continúa paralizada.

O Concello de Oleiros xa puxo á disposición do proxecto, hai máis de tres anos, os terreos necesarios para a construción dun novo depósito en San Pedro de Nós, no alto de Coroto, cumprindo así cos compromisos adquiridos para facilitar a súa execución.

O Concello de Oleiros considera que non é aceptable prolongar por máis tempo esta situación e insta ás administracións e entidades responsables a impulsar de maneira inmediata unha actuación estratéxica para o futuro da área metropolitana e para a garantía dun servizo esencial como é o abastecemento de auga.

back link