O vindeiro sábado 25 de abril terá lugar unha nova edición do programa Andares por Galicia, a Cultura da Natureza, organizado polo Concello de Oleiros. A ruta Serra do Candán ás Pontes do Lérez achega aos participantes á comarca de Terra de Montes, na Dorsal Galega da provincia de Pontevedra, nos ZEC (Zonas de Especial Conservación) da Serra do Candán e Serra do Cando, maioritariamente no concello de Forcarei. Este territorio conserva unha gran riqueza natural, paisaxística e cultural e das súas montañas, con altitudes entre os 600 e 1017 do alto de San Benito nacen os ríos Deza, Toxa, Umia e Lérez. Nunha parte do camiño percorrerase o Lérez descubrindo moitas pontes e pontellas, de fermosa feitura como a de Andón, sendo testemuñas pétreas da historia e dun oficio referencial nesta Terra como o de canteiro. Outros lugares destacables serán o Mosteiro de Aciveiro e as fragas e bosques con carballeiras acompañadas de bidueiros e ameneiros no río que acollen especies protexidas como o lobo, o bufo real, o miñato abelleiro ou a píntega rabilonga.
Durante o percorrido visitaranse puntos de interese como a ZEC Serra do Candán, muíños, batáns, pasais, bosques autóctonos, Ponte das Brañas, Ponte Vella de Andón, Ponte Carballa, Ponte do Crego e Ponte Maril, parque eólico no Alto do Candán, aldeas de Masgalán, Vilaverde, Alvariza de Rochela... para rematar cunha visita cultural aos exteriores do Mosterio de Aciveiro.
Este Programa céntrase en descubrir as características máis importantes a nivel natural, social e cultural da nosa terra e xerar conciencia de coidado e protección do patrimonio natural e cultural. Así mesmo trata de promover a convivencia e a socialización do grupo de participantes nun ambiente aberto e favorecer hábitos saudables de ocio no medio natural.
Esta saída contará con 3 guías especializados/as e ofértanse 40 prazas dirixidas a persoas maiores de idade, cun prezo de 23 euros, e preferencia para persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
As preinscricións realizaranse preferentemente na Sede electrónica/catálogo de trámites/cultura a partir do luns 13 de abril ás 10.00 horas. No caso de que algunha persoa non lle sexa posible realizala así, poderá facelo na Fábrica en horario de mañá de 10.00 a 14.00 horas. Ocuparanse as prazas por sorteo entre todas as solicitudes rexistradas entre o luns 13 ás 10.00 horas e o martes 14 ás 14.00 horas e terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Oleiros.
Para obter máis información sobre esta ruta e o conxunto do programa é posible dirixirse ao Departamento de Cultura do Concello de Oleiros, situado no centro cultural A Fábrica, ben fisicamente ou a través do teléfono 981 636 598 ou do correo electrónico r.caparros@oleiros.org