Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello de Oleiros organiza unha excursión pola ribeira do Ulla

Oleiros, 29 de xaneiro de 2018-. O Concello de Oleiros organiza unha excursión o sábado 10 de febreiro que consistirá nunha ruta de sendeirismo pola ribeira do Ulla, en horario de mañá, e unha visita cultural ao atranque dos Xenerais do Ulla na praza da Feira da Bandeira, pola tarde. As persoas interesadas en participar poden apuntarse na Fábrica a partir do xoves día 1 de febreiro.

A ruta pola Ribeira do Ulla e río Lañas percorrerá o camiño que vai desde a Fervenza das Hortas ata a Ponte Basebe, en Touro. A ruta está cualificada como de dificultade media-baixa, ten unha extensión de 13 quilómetros e conta cun gran valor ambiental, con bosques de ribeira, árbores de interese (sobreiras e érbedos) e sendeiros de pescadores.

Xa pola tarde na localidade de Bandeira visitarase o orixinal e tradicional entroido rural no que os Xenerais e Correos, engalanados coa vestimenta típica e a cabalo percorren distintas parroquias das ribeiras do Ulla dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun exército de abandeirados, coros e comparsas que rematan escenificando un atranque, enfrontamento dialéctico por parellas aproveitado para facer sátira de asuntos acontecidos no ano. Este Entroido foi declarado como Festa de Interese Turístico de Galicia.

Para solicitar información e formalizar as inscricións hai que contactar co Departamento de Cultura, no centro cultural A Fábrica de Perillo. O teléfono é o 981 610 000 (extensión 4916) e o correo electrónico é cultura@oleiros.org.
 

back link