Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros lanza unha campaña de Nadal centrada no bo trato, a corresponsabilidade e a prevención das violencias durante as festas

Imagen O Concello de Oleiros lanza unha campaña de Nadal centrada no bo trato, a corresponsabilidade e a prevención das violencias durante as festas

O Concello de Oleiros difundirá durante os vindeiros días unha campaña de Nadal a través dos seus canais municipais e redes sociais, cun conxunto de cartaces que poñen o foco en vivir estas datas desde o respecto, a igualdade e o coidado colectivo.

A campaña aborda, cun ton directo e próximo, cuestións especialmente necesarias nestas semanas de festexos: o bo trato nas xuntanzas familiares e nas celebracións, a corresponsabilidade e a carga mental na organización do Nadal, e a importancia de priorizar experiencias e tempo compartido fronte ao consumismo. Ademais, inclúe mensaxes específicas para previr os estereotipos de xénero nos agasallos, promovendo “xogos sen xénero” e decisións de compra que amplíen posibilidades en lugar de reforzar roles.


Outro dos eixes centrais é a prevención das violencias sexuais en contextos festivos e de ocio nocturno, lembrando que sen consentimento non hai festa, e que un NON é un NON sempre e en calquera circunstancia. A campaña incorpora chamadas claras a respectar límites, frear presións e intervir ante situacións incómodas.
Baixo o hashtag #PorUnNadalEnIgualdade, o Concello anima á veciñanza a compartir e espallar estes contidos, reforzando unha mensaxe común: unhas festas máis igualitarias constrúense coas actitudes do día a día.


Para máis información, pódese contactar coa Concellería de Servizos Sociais e Igualdade no 981 610000 ou no correo igualdade@oleiros.org.