Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello de Oleiros denunciará ante o Consorcio das Mariñas os constantes asaltos e roubos que sofren os puntos limpos da comarca

Varios representantes sindicais da empresa adxudicataria do servizo de limpeza contratado polo Consorcio das Mariñas reuníronse co alcalde de Oleiros para expresarlle a súa preocupación sobre a situación que está sufrindo o persoal que traballa nos puntos limpos da comarca.

Representantes dos traballadores da empresa adxudicataria do contrato de recollida de lixo e enseres voluminosos do Consorcio das Mariñas reuníronse co alcalde, Ángel García Seoane, para denunciar e poñelo en coñecemento da situación preocupante que están a vivir nos puntos limpos da comarca. Nos últimos meses estanse dando numerosos asaltos e roubos de materiais nos puntos limpos da comarca e tamén no de Oleiros, creando nalgunhas ocasións diversos danos materiais como roturas de portalóns, cámaras de seguridade etc, ademais do evidente perigo para os traballadores e traballadoras destas infraestruturas que se ven totalmente desamparados ao respecto. “É o Consorcio das Mariñas o que ten que actuar a este respecto. É un asunto moi grave que tratarei na próxima xuntanza do Consorcio xa que o persoal está moi preocupado porque sofren todo tipo de eventualidades, desde os asaltos e roubos, ata cidadáns que lles deixan escombros tirados diante da porta do punto limpo!”, manifestou o alcalde.

Por outra banda, na reunión mantida manifestouse tamén a necesidade de que a cidadanía cumpra e respecte as normas destes puntos limpos no que se refire aos horarios e materiais que se poden  depositar nos mesmos.

En Oleiros, o Punto Limpo está situado no Polígono de Iñás, rúa Fonte do ouro s/n (981 795 524) e o seu horario de apertura é de luns a venres de 9:30 a 13:00h e de 15:30 a 19:00h e os sábados de 9:30 a 13:30 horas. Poden depositarse electrodomésticos, restos de podas, e outros residuos de ámbito doméstico. 

A respecto da recollida de enseres voluminosos (mobles, electrodomésticos, colchóns, somieres...), o Consorcio dispón tamén dese servizo. No concello de Oleiros o día disposto ao efecto é o venres, mais é necesario comunicar ao Consorcio que tipo de residuo se depositará e onde ao número de teléfono 981 795 524. 
 

back link