Oleiros, 28 de setembro de 2018-. A Deputación da Coruña aprobou hoxe no pleno, cos votos a favor de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños, unha moción instando á Xunta de Galicia á elaboración dun plan de Xestión do Xabaril. Este plan estaría destinado a estabilizar a súa poboación e limitar os seus danos na agricultura, a gandaría, a circulación viaria e, en xeral, nos concellos.
Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros e deputado provincial, tamén solicitou o apoio directo aos concellos afectados e a súa proposta foi aceptada e incluída no texto. “En Oleiros os parques están arrasados e cada día temos novos problemas pola falta de xestión dos xabarís por parte da Xunta de Galicia. O tema dos animais é competencia súa e os danos materiais en Oleiros xa superan os 70.000 euros. Oleiros non ten culpa de que a Xunta non controle este problema”, argumenta Seoane.
Nesta instancia á Xunta, inclúese un apartado destinado á posta en marcha dun Fondo de Corresponsabilidade para o pagamento de danos e medidas preventivas e de axuda económicas para os concellos.