Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O Concello abre o prazo de presentación de proxectos de cooperación ata o 15 de Novembro

O Concello destina máis de 100.000 euros para o financiamento de proxectos de cooperación

As bases poderán recollerse na alcaldía do Concello, na Oficina de Atención Cidadá ou consultando a web municipal

Oleiros, 26 de outubro de 2010. O Concello de Oleiros aprobou as bases de financiamento de programas de cooperación e desenvolvemento que teñen como fin cumprir co principio de solidariedade entre os pobos e cos países menos favorecidos para o logro do seu desenvolvemento de forma sostida, continua e en harmonía co seu contorno ecolóxico. As ditas bases, onde se recollen as características dos proxectos e os requisitos para a súa presentación, poderán recollerse na Alcaldía do Concello e na Oficina de Atención Cidadá ou pode descargalas premendo aquí.

As organizacións non gobernamentais de cooperación ao desenvolvemento, as asociacións, entidades e organizacións con personalidade xurídica e sen ánimo de lucro, as ONG de países non industriais do terceiro mundo ou de países en vías de desenvolvemento que conten cun interlocutor válido ante a Administración municipal e as entidades locais de países non industriais do terceiro mundo poderán presentar os seus proxectos no Rexistro Xeral do Concello ata o 15 de novembro de 2010.

Os proxectos presentados deberán realizarse en países non desenvolvidos e centraranse en áreas de saúde, educación, desenvolvemento, atención social, cultural etc. A cidadanía en xeral será a beneficiaria do proxecto e evitarase a invasión cultural respectando a idiosincrasia do pobo beneficiario e o seu medio. Estes proxectos deberán desenvolverse ao longo de 2010 e 2011.

O Concello de Oleiros, que destina a este programa máis de 100.000 euros, destacou sempre polo labor de cooperación e colaboración en diferentes proxectos entre os que destacan a construción de 442 vivendas no Salvador e o apoio á construción de 100 vivendas en Nicaragua, a participación na compra dun fogar de acollida en Calcuta, a capacitación profesional de mozos e mozas indíxenas na granxa e talleres de D.Bosco en México e obradoiros de alfabetización de costura para mulleres no Congo, así como a colaboración na reconstrución e a dotación de material educativo para nenos e nenas do centro de refuxiados palestinos de Al-Fawwar, o envío de zapatos a Ciudad Delgado ou outros moitos proxectos que pon a Oleiros de pioneiro en Galicia na cooperación cos países máis desfavorecidos. Así mesmo, o Concello dispón dunha conta solidaria permanente que atende casos de urxencia producidos por fenómenos naturais, onde tamén se ingresa o recadado pola venda do libro de Revela.

back link