Oleiros, 07 de xuño de 2016-. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten aberta a terceira edición do certame Imaxes con Fondo, con novidades como a sección de vídeo que se suma á habitual de fotografía e coa interculturalidade como temática central. O prazo para presentar obras a concurso prolongarase ata o 15 de outubro. Antes desa data, o Concello de Oleiros, como un dos socios do Fondo Galego, acollerá un obradoiro de fotografía social.
O concurso Imaxes con Fondo botou a andar en 2012 como ferramenta para promover a reflexión e un cambio de actitude na cidadanía, apostando por condutas solidarias e respectuosas coa contorna do planeta e coas persoas que nel habitan. Froito desta experiencia naceu a exposición itinerante 'Imaxes con Fondo' coas mellores obras presentadas, grazas á colaboración desinteresada das e dos participantes no certame. O gañador da primeira edición na categoría de persoas adultas, Rober Amado, viaxaría a Cabo Verde para realizar unha mostra fotográfica sobre os 11 anos de traballo do Fondo Galego no arquipélago africano, inaugurada en decembro no marco da Irmandade Galicia-Cabo Verde. No ano 2014 volveuse convocar o concurso, e neste caso foi o fotoxornalista Felipe Carnotto quen se desprazou aos proxectos do Fondo Galego en Nicaragua, onde recolleu nunha nova exposición sobre a vida cotiá, as paisaxes, as problemáticas, os soños e as esperanzas da poboación. De xeito paralelo, co fin de promover a participación e a reflexión sobre as imaxes e as palabras, organizáronse aulas maxistrais de fotografía social impartidas por Gabriel Tizón e obradoiros.
Para descargar as bases íntegras do certame accede ao seguinte enlace: http://fondogalego.org/web/imaxes_con_fondo