Oleiros, 28 de marzo de 2014-. Unha campaña de recollida de produtos de alimentación e hixiene persoal e doméstica, impulsada polo Banco Solidario do Voluntariado de Oleiros, estase a desenvolver nos centros de ensino público do Concello de Oleiros.
Dende o pasado 17 de marzo e ata o próximo 4 de abril a comunidade educativa das escolas infantís, colexios e institutos poden depositar nuns puntos de recollida dos centros os produtos cos que se pide a colaboración do profesorado, familias e alumnado.
Todos estes anos anteriores, os centros educativos de Oleiros, deron exemplo de solidariedade e colaboración con aquelas familias mais desfavorecidas e afectadas pola falla de emprego e a crise económica, polo que se agarda este ano recoller cantidades similares anos anteriores.
O obxectivo desta campaña é complementar os distintos recursos e axudas que xa existen nos Servizos Sociais e cubrir necesidades moi específicas que non poden cubrirse doutra forma. Os produtos de hixiene persoal e de limpeza doméstica, así como algúns produtos de alimentación, son o obxectivo principal desta campaña.
Esta é a primeira das campañas planificadas para o ano 2014 por parte do Voluntariado de Oleiros dentro do Banco Solidario, onde se clasificarán e repartirán todos estes produtos a aquelas familias que mais o precisen tras a supervisión e valoración dos Servizos Sociais.
O equipo de voluntarias e voluntarios de Oleiros, a través do seu traballo no Banco Solidario, está a desenvolver un papel moi importante na loita contra a exclusión social, canalizando a solidariedade veciñal e participan de forma activa na resolución dos problemas da sociedade.