Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás O alcalde reúnese co xerente do consorcio de Igualdade e Benestar

A Xunta transmitiu que o centro de día das Galeras non entrará en funcionamento antes de finais de marzo

O alcalde conseguiu o compromiso de ampliar 40 prazas no centro de día de Arenaza

Ante a negativa da Xunta, o Concello acondicionará con fondos propios a casa Labarta para que entre a funcionar como escola infantil

Oleiros, 16 de decembro de 2010-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e a concelleira de Benestar Social, Elena Otero, mantiveron esta mañá unha reunión co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar Social para interesarse polos prazos para a apertura do novo centro de día das Galeras, en Bastiagueiro, con capacidade para 80 persoas, e cuxas instalacións están rematadas, listas para ser usadas e completamente paradas desde hai meses. Ademais na xuntanza trataron outros temas de interese para o municipio como a situación do centro de día do pazo de Arenaza e a futura escola infantil da casa Labarta, en Mera.

O xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar Social informou a García Seoane que será imposible que o centro de día abra as súas portas antes de finais do mes de marzo, posto que a concesión do servizo do centro sairá a concurso entre empresas privadas. A edificación deste centro foi financiado integramente polo Plan E do Goberno de España e construído nunha parcela de mais de 3.000 metros cadrados cedida polo Concello.

Na xuntanza o alcalde de Oleiros tamén tratou a situación do centro de día situado no pazo de Arenaza, sobre o que existe un convenio entre o Concello de Oleiros e o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar. Sobre este asunto o xerente manifestou a intención de continuar a manter este centro no que se revisará a situación das instalacións e se incorporarán 40 novas prazas, xa que na actualidade só ten 15, polo que no se está a amortizar o investimento que se realiza na súa instalación.

Casa Labarta

No que respecta á casa Labarta, instalación cedida polo Goberno local de Oleiros á Xunta de Galicia para que se habilitase como escola infantil para a zona norte do municipio, a Xerencia manifestou que durante o 2011 non realizará ningún tipo de investimento e non entrará en funcionamento. Ante este anuncio, o alcalde transmitiu ao xerente que será o propio Concello quen proceda a habilitar o inmoble con cargo aos fondos municipais polo que esixe que de cara ao 2012 se asigne o persoal necesario para a súa posta en funcionamento.

back link