O que hoxe vive o pobo cubano non é unha crise económica por falta de recursos, é un asasinato lento e calculado executado polos Estados Unidos. O bloqueo total decretado por Donald Trump é unha prohibición deliberada que impide a chegada de medicamentos básicos, fármacos para o corazón, a diabetes, a presión arterial… ou que pon en risco a vida de nenos recén nacidos pola falta de combustible para as incubadoras.
Porque o bloqueo non só afecta ao petróleo e aos combustibles, senón que persegue barcos con alimentos e medicinas, bloquea transaccións bancarias e sanciona a calquera empresa que tente vender arroz, leite ou carne a Cuba. Esa política, sostida durante 60 anos e recrudecida nas últimas semanas, é definida pola propia poboación cubana como "terrorismo con fame".
No ámbito sanitario, a situación é crítica. A pesar de que Cuba foi quen de crear cinco vacinas contra a COVID-19 sen axuda externa, o bloqueo impide agora o acceso a xiringas, anestesia ou repostos para equipos de raios X. O talento científico cubano vese asfixiado por un imperio que castiga os seus logros.