Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás Memorias dun neno labrego de Neira Vilas o sábado 11 en Mera

Imagen Memorias dun neno labrego de Neira Vilas o sábado 11 en Mera

Memorias dun neno labrego, de Contraproduccións, chega ao auditorio Gabriel García Márquez este sábado 11 de abril ás 20:30 horas. 

Unha nova versión teatral da recoñecida obra de Xosé Neira Vilas, dirixida por Cándido Pazó, presentarase no García Márquez o sábado 11 de abril ás 20:30 horas. 

O protagonista, Balbino; é un neno de aldea fillo de labregos pobres que medra nun mundo de silencios, traballo e obediencia. Neste espectáculo, séguese a través da súa voz sincera e sensible a narración da vida cotiá nunha aldea galega dos anos corenta: a escola, a familia, os soños frustrados, as inxustizas sociais e o desexo constante de fuxir dun destino xa escrito.

A historia desenvólvese a través dunha serie de lembranzas que van desde a tenrura da infancia ata a crúa conciencia das desigualdades. O espectáculo dálles vida aos episodios máis representativos da novela de Neira Vilas: o maltrato escolar, a perda do amigo ou dun animal querido, a frustración do primeiro amor, a dureza do traballo, a emigración, a represión da expresión e a tristura de sentirse diferente nun mundo que non admite preguntas; pero tamén os costumes e celebracións festivas da aldea, e as esperanzas e alegrías que, a pesar de todo, ofrece a vida.

A memoria persoal do neno labrego preséntase como unha memoria colectiva, a desa Galicia rural que se foi diluíndo ou transformando, nun espectáculo que pon en primeiro termo a emoción, pero tamén o humor e a relación directa e amena co público.

O espectáculo está dirixido público adulto  (maiores de 14 anos) e o custe da entrada é de 6,00 euros. A compra anticipada das entradas pode realizarse a través da plataforma electrónica (giglon.com) e na billeteira do auditorio desde unha hora antes do comezo de cada espectáculo. O pagamento na billeteira só se poderá realizar a través de tarxeta bancaria.