Oleiros, 8 de marzo de 2022-. Desde que a ONU declarase en 1975 o 8 de marzo como o Día Internacional da Muller, a súa celebración consolidouse e estendeuse por todo o planeta. E se ben é un día de celebración, tamén é un día de botar a vista cara ao pasado- observar o camiño andado- e ficar cos ollos no presente, identificando o rodeiro de cara ao futuro que nos queda por camiñar, combatendo as discriminacións e inxustizas ás que as mulleres continúan expostas para a consecución dunha igualdade real e plena.
Hemeroteca
Asset Publisher
Desde o Concello de Oleiros, considérase fundamental reincidir no compromiso coa consecución da igualdade e a eliminación de todas as formas de violencia e discriminación cara ás mulleres, como así veñen demostrando no día a día as diferentes accións postas en marcha durante os últimos anos, pois é un obxectivo prioritario e fundamental, xa que na igualdade reside a estrutura para acadar unha xustiza social real.
Recollía Virginia Woolf no seu ensaio “Un cuarto de seu” (1929) que unha muller debía ter cartos e un espazo propio -con fechadura na porta- se quería cultivar a arte da escritura. Case 100 anos despois, se ben os dereitos e recoñecementos sociais e legais das mulleres en Occidente son ben diferentes aos de comezos do século XX, noutros aspectos non mudaron tanto. Pois á premisa de Woolf -a necesidade dun espazo propio e independencia económica-, cómpre engadir unha reclama sobre os usos dos tempos: ademais dun espazo de seu, torna fundamental un tempo de seu. Ben sexa para ler, reivindicar, escribir, reflexionar, pasear, ter vida social, facer activismo ou, mesmamente, descansar, as mulleres precisan tempo, tempo propio, tempo de seu. E isto sinala a importancia de ter un día de seu: 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Porque se algo evidenciou aínda máis a pandemia é que, cando se trata de coidados, continúan a ser as mulleres as que cargan ás costas. Ante o peche de escolas, garderías, centros de día e demais servizos e actividades que favorecen a conciliación, foron as mulleres as que solicitaron reducións de xornada, excedencias ou, incluso, abandonaron o posto laboral para o coidado das crianzas e outras persoas dependentes. Fíxose crer, ademais, que o tele-traballo era a fórmula óptima para a conciliación entre a vida laboral, persoal e familiar. Mais o resultado acadado foi unha sobrecarga ao ter que compatibilizar simultaneamente as responsabilidades laborais co coidado e educación das crianzas, así como co resto de tarefas. Mais, onde está a corresponsabilidade?
Todo este sobre-esforzo ten un forte impacto na saúde física e mental, derivando en episodios de estrés, ansiedade, tristeza e mesmo depresión, pois implica unha limitación sobre algo tan fundamental para o benestar emocional e mental como é o tempo de seu.
Así, este 8 de marzo, reivindicamos o dereito ao tempo de seu, no que cultivar o lecer, o descanso, o político, o colectivo e o individual. Porque os coidados son esenciais para a vida. E como fundamentais que son, reivindicamos a corresponsabilidade no seu reparto, a súa colectivización, loitando contra os mandatos de xénero e estereotipos que os asumen como tarefas femininas.
Recolle Virginia Woolf no mesmo ensaio que as grandes obras escritas ao longo da historia non poden considerarse como un resultado individual cuxa autoría reside nunha soa persoa. Pola contra, son o resultado de moitos anos de pensamento común, de acción colectiva, de xeito que a voz individual que escribe a obra, o que fai é recoller a experiencia da masa. Así que, por moitos anos de pensamento común cara á igualdade!