Oleiros, 31 de agosto de 2016-. Hoxe comezou o Obradoiro de emprego para continuar co acondicionamento da Finca Tenreiro. Neste proxecto de formación e emprego subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria coa cantidade 179.134,20 euros, participan un total de 26 persoas desempregadas, todas elas veciñas de Oleiros.
O alumnado do obradoiro participará nas especialidades de carpintería e albanelaría. Dese xeito poderase dar un paso máis na recuperación do edificio principal da finca. Ademais, as persoas que aprenden viveirismo e xardinería no Centro Municipal de Formación da Carballeira realizarán as súas prácticas nesta nesta propiedade municipal, de 31.000 metros cadrados, para continuar rehabilitando os xardíns.
O proxecto ten unha duración de 6 meses e durante ese tempo os alumnos e o persoal docente van a estar contratados. Durante ese período de aprendizaxe os alumnos recibirán unha remuneración de 648,56 euros mensuais, unha cantidade que será superior no caso dos seis docentes.