Oleiros, 29 de abril de 2016-. Mañá sábado 30 de abril celébrase o XXVII Tríatlon Concello de Oleiros, no que están inscritos 200 deportistas das categorías cadete, júnior, sub 23, absoluto, veterán 1 e veterán 2. A proba celebrarase en Mera e comezará ás 16:00.
Nesta competición oficial poden participar todos os deportistas federados na Federación Galega de Tríatlon e aquelas persoas con licenza dun día. Para todas as categorías a distancia será de 750 m de natación, 21 km de bicicleta e 5,5 km de carreira a pé. A natación terá a súa saída (16:00 horas) na praia de Santa Ana, con chegada á praia de Mera. A meta estará ubicada no Parque da Lagoa de Mera.
Entre as deportistas inscritas destaca Marta Barbeiro (AD Fogar) ou Marisa Rúa (Trisada). Así mesmo, a proba masculina contará coa presenza de Miguel Ángel Acosta (Cidade de Lugo), Ignacio Maceiras (Tríatlon Ferrol) ou David Rodríguez (Natación Riveira), entre outros destacados triatletas.
Para o desenvolvemento da proba, a estrada xeral de acceso a Mera (AC-173) permanecerá pechada entre as 16:00 e as 19:00, desde o cruce de Lourido ata o Parque da Lagoa. Os vehículos que queiran dirixirse a Mera poderán facelo a través da vía Ártabra.