Oleiros, 28 de abril de 2015-. O pasao venres remataron os prazos de inscrición para o programa de Excursionismo e Sendeirismo “Ven e Descubre” para maiores de 60 anos que se organizan dende a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros. Este ano o programa leva o nome de “Segredos de Galicia” onde se oferta outra mirada a lugares coñecidos na que se descubrirán misterios, tesouros, lendas e paisaxes que aínda están por descubrir.
Hemeroteca
Dende Outubro 2010
Para as 18 excursións previstas dentro do apartado de excursionismo están apuntadas máis de 600 persoas, cubrindo case na súa totalidade a oferta de prazas para todas as parroquias, existindo lista de espera nalgunha delas que se tentarán distribuír nas que existan prazas dispoñibles.
A excursión á ría de Vigo, será o destino da primeira das excursións que se levarán a cabo no mes de maio, que baixo o título da “Ría dos Tesouros” visitarán o Castelo de Soutomaior, un marabilloso castelo con numerosas historias e anécdotas protagonizadas por persoeiros universais, a vila de Redondela e o Museo da Batalla de Rande onde se recrean todas as circunstancias e elementos que tiveron lugar nesa histórica batalla e que deu lugar a un enorme tesouro que segue agachado no medio desa fermosa ría.
No programa de sendeirismo o éxito foi similar, cunha ocupación practicamente ao 100% das prazas dispoñibles nas 12 rutas de sendeirismo dun día e nas dúas previstas de fins de semana. Cerca de 150 persoas participarán nesas rutas e gozarán da natureza e dos camiños polo Grove, a Costa da Morte, Compostela e as ribeiras dos ríos Avia e Arenteiro no Carballiño.
Este éxito de participación no período de inscrición deixa patente a boa acollida que ten este programa estre as persoas maiores de Oleiros, unha oferta de lecer con contidos culturais e de calidade adaptada aos intereses dos seus participantes.