Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Juan Fariña presenta a súa terceira novela en Casa Charry

Juan Fariña, acompañado polo alcalde Ángel García Seoane, presentou esta tarde en Casa Charry a súa última novela “Agosto Dezaseis”. Esta obra é a terceira novela deste prolífico escritor e político bergondés.

‘Agosto Dezaseis’ transcorre en territorio recoñecible: Betanzos. Un Betanzos envolto na historia, a memoria, a imaxinación e algún que outro misterio dos xa incontables que esconde a Cidade dos Cabaleiros. 

O núcleo da narración é o internacionalmente coñecido Globo de Betanzos. A narración parte do 16 de agosto como referencia temporal inevitable e, case a modo de ucronía, vai desenvolvendo toda a acción na cidade do Mendo e do Mandeo. A novela desprégase en diferentes momentos históricos mais o lector pode identificar moi facilmente rúas, barrios; como a A Magdalena, A Ribeira ou Santa María ou as celebracións do San Roque; que aínda que aparecen transformadas conservan toda a súa identidade.

Un dos elementos máis salientables da novela son os “misteriosos” túneles subterráneos, as minas do casco histórico. Un tema que leva moitas décadas espertando a curiosidade de historiadores, investigadores e veciñanza do que pouco se sabe a día de hoxe. A atmosfera de misterio que envolve ese gran misterio patrimonial de Betanzos é peza angular na obra de Fariña.

A novela serpentea entre unha realidade documentada, a especulación do que puido ser se dera outra solución e a ensoñación convertendo algún episodios descoñecidos da cidade en literatura. 
 

back link