Oleiros, 26 de febreiro de 2014-. Hoxe reúnese o xurado que fallará o concurso “As mulleres da miña vila” convocado polo Concello de Oleiros entre os alumnos e alumnas de primeiro e segundo da ESO dos centros de ensino do municipio e que forma parte dos actos organizados para conmemorar o próximo 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
Coa posta en marcha desta iniciativa a través da Concellería de Ensino e Xuventude o Goberno local quere que os escolares investiguen sobre a vida das mulleres do noso concello, e fagan a súa historia de vida. Para isto, tiveron que entrevistar e recoller información sobre unha muller que resida neste concello con calquera tipo de relación cos concursantes e de todos os ámbitos sociais. Tras o proceso de investigación e entrevista os nenos e nenas concursantes realizaron distintos traballos, escritos artísticos e audiovisuais.
O xurado, que se reúne esta tarde, valorará positivamente que a muller escollida teña unha especial relevancia pola súa actividade a favor da familia, pola súa actividade profesional, ou ben porque a súa vida pode ser motivadora para a sociedade en xeral. Entre todos os traballos finalistas, o xurado outorgará un premio que consistirán nunha Tablet Samsung Galaxy de 7 polgadas o un de semellantes características. Os 25 traballos finalistas recolleranse nunha edición electrónica que será distribuída entre os centros educativos participantes e publicarase nunha páxina web do concello.