Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás García Seoane considera que a FEGAMP non leva a cabo o seu principal labor: a defensa dos munic

Oleiros, 28 de novembro de 2011-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, mostrouse esta mañá decepcionado pola «inoperatividade» da Federación Galega de Municipios (FEGAMP), da que asegurou que non está levando a cabo o seu principal cometido que é a defensa dos intereses dos municipios por riba dos partidismos e das directrices das cúpulas dos partidos políticos. García Seoane cualificou o congreso desta pasada fin de semana como «un simple intercambio de cromos» e mostrouse pesimista sobre a capacidade da nova executiva para axudar os municipios a superar a súa preocupante débeda. «Levamos oito asembleas acordando o mesmo e sen resolver nada», asegurou.

García Seoane criticou que o Partido Popular intercedese entre os seus rexedores para rexeitar a proposta do Concello de Oleiros para instar ao Goberno autonómico a asumir o financiamento daqueles servizos que son da súa competencia como sanidade, educación ou benestar social. «Durante as comisións da mañá logramos que saíra adiante a nosa proposta de que a Xunta financiase os gastos das escolas, os centros sanitarios e os centros de día, pero na votación final a dirección do PP logrou que os seus alcaldes votaran en contra da nosa iniciativa, aínda que moitos deles estaban totalmente de acordo coa nosa proposta», sinalou.

Ademais o rexedor oleirense tamén criticou que os partidos independentes carezan de representación na dirección da Fegamp. «Non pode ser que os municipios gobernados por independentes non conten cunha representación nos órganos federativos, nestes momentos existen tantos máis municipios gobernados por alcaldes independentes que por alcaldes do BNG, por exemplo. En cambio as tres forzas políticas (PP, PSOE e BNG) néganse a ternos en conta», asegurou García Seoane.

Satisfeito polo resto de propostas
García Seoane mostrouse porén satisfeito de que as outras dúas propostas presentadas polo Concello de Oleiros saísen adiante. Oleiros propuxo aos membros da Fegamp a creación dun fondo común para a xestión unificada dos proxectos de cooperación internacional a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e presentou outra moción para que as Deputacións provinciais se centrasen en axudar os municipios pequenos en detrimento dos municipios medianos ou grandes capaces de conseguir outros modos de financiamento.
 

back link