Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Finaliza a campaña de recollida de medicamentos e material sanitario para Gaza

 

Oleiros, 16 de setembro de 2014-. O Concello de Oleiros, a petición da Asociación Médica Hispano Palestina, adianta a finalización da campaña de recollida de medicamentos e material sanitario para Gaza tras reunir máis de media tonelada. 
 
A Asociación Médica Hispano Palestina, a cal emprendeu a campaña de recollida de medicamentos o 28 de xullo de 2014, con final previsto o 12 de agosto, ante a resposta positiva por parte da sociedade civil española ao seu chamamento de axuda á poboación civil de Gaza, en especial aos nenos e mulleres da franxa, viuse obrigada no seu día a prolongar a dita campaña ata o 30 de setembro de 2014, con novas demandas segundo as necesidades da poboación civil palestina.
 
Malia estar en período estival, as asociacións, partidos políticos, sindicatos, particulares e institucións públicas dalgunhas autonomías realizaron unha excelente campaña nas súas respectivas localidades, cun resultado abafador, superando con fartura as expectativas da Asociación Médica, atopándose nestes momentos desbordada con tantos medicamentos que ocupan todo o espazo dispoñible na Misión Diplomática de Palestina en Madrid, e á espera aínda que lles cheguen moitos medicamentos recollidos en distintas provincias.
 
Ante esta situación viron conveniente recortar a campaña, considerando a data do 12 de setembro de 2014 como o seu final.
 
O Concello de Oleiros quere agradecer a gran colaboración prestada polas farmacias municipais, recollendo tanto o material sanitario como os medicamentos, e á poboación en xeral pola súa alta implicación que levou a reunir máis de media tonelada de axuda para Gaza. 
 
Do mesmo xeito, a institución municipal quere mostrar o seu recoñecemento aos voluntarios que prestaron a súa desinteresada cooperación na ardua tarefa de clasificación.
 
back link