A proxección terá lugar ao aire libre, no propio parque, reforzando así a mensaxe do filme: a integración da natureza na vida cotiá da cidadanía de forma respectuosa, transformadora e inclusiva. A entrada será libre ata completar aforo, e en caso de choiva ou condicións meteorolóxicas adversas, o evento adiarase.
O documental recolle o proceso de creación do proxecto a través de imaxes e entrevistas coa veciñanza, especialistas e membros do equipo técnico, amosando como este proxecto naceu dende unha perspectiva colaborativa, social e ambiental. Un dos aspectos máis singulares é que o proxecto se materializou sobre un solo de titularidade privada de clasificación urbana, co firme compromiso da promotora de destinalo a uso público para o desfrute da veciñanza, nun entorno de presión urbanística.
No proceso de re-pensar un novo uso e o deseño para este espazo natural, así como na execución da obra participaron activamente a empresa de paisaxismo Orza Paisajismo, o Grupo Naturalista Hábitat e a empresa de economía social Trébore Jardinería, con destacadas colaboracións de empresas locais, artesáns, artistas e o propio Concello de Oleiros. Segundo Conchi Pérez, directora técnica de Trébore Jardinería, “este proxecto nace dende a preocupación, sensibilidade e sentido da responsabilidade da promotora, con respecto ó coidado do entorno apostando por fomentar accións que contribúan a minimizar o impacto que sofren os nosos ecosistemas”.
O parque Rosalía Mera destaca pola súa configuración flexible e multifuncional, de lecer, descanso e encontro adaptadas a diferentes idades e necesidades.
A proxección contará coa participación de membros do equipo técnico e representantes do Concello, que compartirán a súa experiencia e visión sobre este proxecto que redefine o concepto de espazo público urbano e promove unha nova ollada sobre a relación entre urbanismo e natureza.