Oleiros, 1 de agosto de 2017-. A XXIII edición da Feira Alfaroleiros, que comeza mañá e que se prolongará ata o domingo, conta cunha ampla programación de actividades paralelas á mostra de olería. Concertos para todos os públicos e de todos os estilos, proxeccións de cine ao aire libre, múltiples espectáculos para os máis pequenos e as charlas-coloquio sobre olería conforman a oferta de Alfaroleiros para os vindeiros días.
O primeiro dos concertos terá lugar o mércores, ás 20:30 horas, no parque Luis Seoane coa Banda Orquestra Sinfónica do Concello de Oleiros. A partir das 22:15 horas proxectarase a película Atrapa la bandera, apta para todos os públicos. O xoves os máis pequenos poderán gozar, a partir das 20:00 horas, do espectáculo Danzamos no verán e ás 22:15 terán outra proxección de cine: El libro de la selva.
As actividades da fin de semana comezarán o venres ás 19:00 horas cunha charla-coloquio de Agustín Vázquez sobre Niñodaguia que se celebrará nas Torres de Santa Cruz. Unha hora máis tarde haberá contacontos para nenos e nenas no parque Luis Seoane e ás 22:30 horas Los Mecánicos Band Full Equipe ofrecerán un concerto na praza Esther Pita.
O sábado celebrarase outra charla-coloquio nas Torres de Santa Cruz, neste caso de José Manuel Carrera sobre a recuperación da olería de Batán de Tioira ás 12:00 horas. A partir das 19:00 horas haberá obradoiros e xogos tradicionais no parque Luis Seoane. Xa pola noite, a partir das 22:30 horas, terá lugar o concerto Son galego, Son cubano de Roi Casal na praza de Esther Pita.
O domingo, último día da feira, haberá un faladoiro sobre a olería de Buño ás 12:00 horas nas Torres. As 19:30 horas haberá xogos tradicionais. A última actividade da feira será o concerto de The Revival Stompers que comezará ás 21.15 horas no parque Luis Seoane e rematará na praza Esther Pita.