Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Comezan as rutas de sendeirismo do programa Ven e Descubre con éxito de participación

Máis dun centenar de veciños e veciñas participaron na ruta "Camiñando por Oleiros", a primeira das saídas de sendeirismo do programa municipal Ven e descubre. O percorrido, de 13 km de distancia polas parroquias de Iñás e Nós combinou envellecemento activo, patrimonio e natureza, unha actividade creada polo Goberno municipal para promover a saúde, a socialización e o coñecemento do patrimonio local.

Debido á grande acollida da iniciativa e para garantir a calidade e seguridade do percorrido, a ruta organizouse en tres xornadas os días 19, 26 e 27 de maio, distribuíndo aos participantes nun total de tres grupos. Esta estrutura permitiu que os maiores gozasen da experiencia de xeito cómodo e adaptado ao seu ritmo por camiños e paseos do municipio.

A ruta "Camiñando por Oleiros" centrouse nesta edición nun trazado de enorme riqueza arquitectónica, etnográfica e  social . Ao longo do percorrido polo concello, os participantes transitaron por espazos públicos singulares como o paseo fluvial de Nós-Iñás, os bosques e fragas de Nós e Iñás, os xardíns da Finca Las Cadenas.... Durante as camiñadas, as persoas participantes tamén recibiron explicacións etnográficas e visitaron elementos clave do patrimonio hidráulico e preindustrial de Oleiros, como o histórico muíño de carbón e os lavadoiros tradicionais, esenciais para lembrar os oficios e a vida comunitaria de outrora.

As persoas participantes compartiron os seus recordos en primeira persoa e falaron da historia viva que experimentaron nos muíños, fontes e lavadoiros visitados. O intercambio de vivencias sirve como un exercicio fundamental para recuperar a memoria social e comunitaria de Oleiros, lembrando os antigos oficios e as relacións de convivencia de outrora.

Iniciativas como o programa Ven e descubre demostran que a recuperación deste patrimonio non consiste só en restaurar pedras, senón en escoitar os testemuños das persoas que os utilizaron. Cando os maiores de Oleiros lembran e relatan as historias vividas nesas contornas, reconectan á comunidade coas súas raíces. Salvagardar a memoria dos lavadoiros e das fontes é protexer a esencia da nosa solidariedade veciñal e da identidade comunitaria.
 

back link