Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás Comeza unha nova edición de Alfaroleiros cunha ampla e variada programación paralela

O parque Luís Seoane de Santa Cruz acolleu a inauguración da XXXII edición de Alfaroleiros. O acto contou coa participación de decenas de persoas, así como da presenza do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; o presidente en funcións da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela; e a concelleira de Cultura, Normalización Lingüística, Ensino e Xuventude, María José Santos Zas.

Durante a súa intervención, o alcalde Ángel García Seoane lamentou que a Xunta continúe sen recoñecer Alfaroleiros como unha das grandes feiras artesanais de interese turístico galego, malia tratarse dun evento consolidado que durante cinco días reúne en Santa Cruz a oleiros e oleiras de diferentes puntos da Península. O alcalde criticou a falta de apoio do Goberno autonómico, asegurando que “quere ignorar a Oleiros, pero é Oleiros o que ignora ao Goberno galego e segue o seu camiño”, e denunciou tamén a ausencia de financiamento autonómico “nin para esta feira, nin para beirarrúas, nin para estradas, nin para cultura”.

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Xosé Regueira Varela, desexou que esta sexa “a mellor edición de Alfaroleiros da historia” e puxo en valor o simbolismo da olería, sinalando que “o barro nos inspire cara ao futuro e que a nosa resposta ante as crises humanitarias sexa tan nobre e tan paciente como é a do oficio oleiro cunha peza de barro”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, María José Santos Zas, destacou que "se algo nos identifica aos galegos como pobo é a capacidade de converter o material máis humilde nun produto valioso", e puxo como exemplo a gastronomía e a olería, dúas expresións da identidade galega que, segundo indicou, atopan en Alfaroleiros unha celebración que recoñece e dignifica este patrimonio artesanal. 

A feira rematará o domingo 9 de agosto. Ata ese día os 23 oleiros que participan nesta feira expoñerán e venderán as súas pezas en horario de 10 a 22 h. Tamén haberá numerosas actividades culturais e de ocio, dirixidas a todos os públicos. Para hoxe mércores está programado ás 21h o concerto de Abril, no Parque Luís Seoane; e para o xoves un espectáculo de malabares e circo da man de Pistacatro “Sen patrón”, ás 20h, e o concerto de MJ Pérez, ás 21h.
 

back link