Oleiros, 6 de outubro de 2014-. O Concello de Oleiros, a través do Centro de Información Xuvenil, organiza ao longo destes días no CMF Isaac Díaz Pardo un curso de monitor de comedores escolares co obxectivo de intentar chegar ao maior número posible de veciños e veciñas interesados en formarse neste campo e intentar despois mellorar as súa situación laboral.
Este ciclo formativo quere dotar o alumnado de coñecementos, habilidades e actitudes necesarias para poder desempeñar de xeito competente as funcións propias dun monitor de comedor escolar non universitario.
Unha vez rematado o curso farase entrega dun diploma acreditativo a aquelas persoas que teñan máis dun 75% de asistencia. Ademais, de xeito opcional, os participantes poderán realizar prácticas no comedor dos campamentos de verán que organiza o Concello de Oleiros.