Oleiros, 20 de xaneiro de 2014-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, participou esta mañá na apertura do curso de emprego denominado Rural-emprende que comezou a impartirse no centro de formación municipal A Carballeira. Este curso, especializado en produción hortícola, está formando a vinte veciños e veciñas e terá unha duración total de 210 horas, repartidas nuns bloques de formación teórica de 75 horas e outro de formación práctica 75 horas. Ademais conta cun período de prácticas non profesionais en empresas do sector de 60 horas de duración.
O contido docente previsto para este curso inclúe formación en aspecto como a agricultura ecolóxica, agro-tecnoloxía, a sensibilización medioambiental ou a fruticultura. Así como aspectos prácticos como a planificación da horta, a preparación de sementes, a protección de cultivos, etc.
O Goberno local de Oleiros está a favor dos circuítos cortos na venda de produtos alimentarios, que a comida faga menos de 30 quilómetros desde onde se produce a onde se consume, xa que este sistema é bo para as persoas. Ademais considera que na comarca hai uns valores moi fortes sobre a agricultura e non se están explotando suficientemente, polo que se debe facer un esforzo por recuperar a horta para xerar postos de traballo e mellorar a nosa alimentación.