Oleiros, 9 de maio de 2014-. Mañá sábado 10 de maio as parroquias de Dorneda e Maianca inician as 18 excursións previstas no programa Ven e Descubre 2014 que organiza o Concello de Oleiros baixo o nome “Os paraísos cercanos”
As vilas fronteirizas de Tui e A Fortaleza en Portugal son os destinos da primeira destas excursións, onde poderán coñecer a vida en cada unha destas vilas de cada lado do río Miño, tanto no presente como a súa historia, arquitectura e cultura, así como gozar das marabillosas vistas deste precioso enclave desde o monte Aloia.
Case 600 persoas están xa inscritas para participar no programa de excursionismo, estando nestes momentos nunha ocupación próxima ao 95% das prazas ofertadas e nalgúns dos grupos con listaxe de agarda.
Por outra banda, as máis de 150 persoas inscritas nas rutas de sendeirismo deste mesmo programa encheron onte o auditorio da Fábrica para participar na reunión informativa desta actividade. O calzado e vestimenta máis axeitados, pautas de seguridade para desenvolver esta actividade grupal, os contidos das rutas... foron algúns dos temas que se trataron nesta reunión.
Os grupo das parroquias da zona norte do concello xunto coa de Perillo serán as primeiras en realizar a ruta “Descubrir a Comarca das Mariñas”, o próximo mércores 14 de maio, que os levará desde Santa Cristina ata o embalse de Cecebre polo sendeiro paralelo ao río Mero.