Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás As escolas municipais de Música e Danza celebran os seus festivais de Nadal

 Oleiros, 12 de decembro de 2019-. Como cada Nadal, o alumnado e agrupacións da Escola Municipal de Música e do Centro Municipal de Artes Escénicas celebran varias galas abertas a todo o público nas que mostrarán o seu traballo.

 
A primeira das actuacións será o día 14 de decembro ás 12:30 horas no Auditorio Gabriel García Márquez, co concerto da Orquestra de cordas e clases de coro (orquestra sinfónica), que porán en escena a obra “O conto de Nadal”, baseada no conto clásico de Charles Dickens. A actuación contará coa colaboración do alumnado da Escola Municipal de Danza.
 
Ese mesmo día e nese mesmo lugar, ás 18:30 horas, celebrarase o concerto da Banda de Música da Escola Municipal de Música de Oleiros. O programa comezará coas actuacións das prebandas e da Banda Xuvenil da escola, que interpretarán entre outros temas, un repertorio de clásicos do cine actual. A continuación, a Banda de Música deleitaranos cunha mostra de zarzuela e ópera.
 
O día 20 de decembro, ás 19:00 horas, tamén no auditorio Gabriel García Márquez, de Mera, os alumnos do Centro Municipal de Artes Escénicas, na súa sección de Danza, interpretarán a obra “A máquina do tempo”, na que a través da danza mostrarán distintos momentos da historia da humanidade.
 
O día 21 de decembro, ás 21:00 horas, en Santa Cristina, a Big Band da Escola Municipal de Música de Oleiros, ofrecerá un concerto que inundará o auditorio da Fábrica co son do jazz.
back link