Oleiros, 11 de marzo de 2019-. Este xoves día 14 de marzo, ás 20:00 horas, as Torres de Santa Cruz acollerán un concerto de Vintage Dúo. Este proxecto musical, que reinterpreta grandes éxitos, ten no seu repertorio Cry me a river, Route 66, Respect, Say a little prayer ou Beautiful, entre outros.
Ademais todas as bibliotecas acollen durante o mes de marzo exposicións relacionadas co feminismo. Na Biblioteca Rosalía de Castro de Santa Cruz está a realizarse unha exposición de carteis titulada “Mulleres que cambiaron o mundo”. Na Biblioteca Rialeda de Perillo atópase "Esquecidas no seu tempo", que mostra obras literarias de escritoras inxustamente tratadas. Na Biblioteca Xograr Mendiño de Lorbé exponse “Mulleres protagonistas”, unha mostra de libros infantís nos que a personaxe principal é unha muller ou unha nena. Na Biblioteca María José Trincado de Mera estanse a realizar propostas de literatura infantil e xuvenil que invitan ás nenas e aos nenos a reflexionar sobre os estereotipos e o reparto de roles sexuais na sociedade. Na Biblioteca Ánxel Fole de Nós hai unha mostra bibliográfica sobre libros infantís, xuvenís e de adultos con temática sobre a muller.