Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás As Bibliotecas Municipais celebran o Día do Libro con diversas actividades

Oleiros, 20 de abril de 2016-. Para conmemorar o Día Mundial do Libro, as Bibliotecas Públicas Municipais de Oleiros acollerán múltiples actividades que comezan o 21 de abril. Con esta programación o Goberno local pretende promover a lectura, fomentar a utilización dos libros, dar a coñecer as bibliotecas municipais e potenciar a asistencia a elas  non só como lugares de estudo e consulta, senón tamén como centros de lectura lúdica.

O 21 de abril realizarase unha actividade titulada “Las ingeniosas del hidalgo: El Quijote en voces de mujeres” a cargo da actriz Soledad Felloza, para conmemorar o cuarto centenario do aniversario do falecemento do ilustre escritor Miguel de Cervantes e promover a lectura desta magnífica obra. Neste espectáculo relátanse varios monólogos curtos nos que se dramatizan diferentes personaxes femininos da obra de Cervantes, nos que as mulleres teñen certo protagonismo: Quiteria, que en plena voda con Camacho o rico, lembra o seu amor a Basilio, o pobre. A pastora Marcela, na que destaca o seu discurso co que finalizaba as charlas cos seus namorados. Claudia Jerónima Cervantes, na que está personalizada a liberdade da muller, con límites tan amplos nos que cabe un erro tan grave como a morte. Este acto está dirixido a alumnado de 1º de bacharelato dos IES María Casares e Miraflores.

Un día despois, o 22 de abril, realizarase un concerto do grupo Pirilampo  presentando o seu novo traballado titulado “Teatro de guiñol” no que musicarán algúns poemas do insigne escritor Manuel María, ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Este acto está dirixido a alumnado de primaria do CEIP Valle Inclán de Perillo e do CEIP Luis Seoane de Mera.

O 26 de abril o alumnado de 4º de ESO coñecerá a poesía e o teatro de Federico García Lorca nunha actividade que se desenvolverá na Biblioteca Central Rialeda para fomentar a lectura de obras de poesía e teatro. O 27 de abril os nenos e nenas de 6º de primaria do CEIP A Rabadeira de Oleiros poderán divertirse con xogos de maxia a cargo de Chrystyan Magic que os desenvolverá seguindo un guión baseado na famosa obra de Cervantes “Don Quijote de la Mancha”.

Ademais haberá Obradoiros de marionetas de papel con Viravolta Títeres, os días 20 e 21 de abril, para alumnado de 4º de primaria do CEIP A Rabadeira de Oleiros. Os de 5º e 6º do CEIP Valle Inclán de Perillo traballarán de forma coordinada a música e a danza con Hip Hop Poema Pop a cargo de Modestos Contos de Broadway tamén o 20 de abril e o alumnado de educación infantil do CEIP Luis Seoane deleitaranse con contacontos coa actividade “Cueiros de cores” da Compañía Trinke Trinke o 26 de abril.


Fóra de horario escolar continuarase coa Hora do conto, os bebecontos  e os distintos obradoiros, que se levan a cabo ás 18:30 horas:

BIBLIOTECA CENTRAL RIALEDA - PERILLO 
 
- 21 de abril, Magín Blanco “Libros En-cantados” (Maiores de 5 anos. Imprescindible reservar praza).
- 28 de abril, Raquel Queizás Bebecontos “Cambio e conto: Aventuras para medrar” (De 1 a 4 anos. Imprescindible reservar praza).
 
BIBLIOTECA E CENTRO DE DOCUMENTACIÓN DA MULLER ROSALÍA DE CASTRO -  SANTA CRUZ

- 20 de abril, Soledad Felloza Bebecontos “Un niño no meu sombreiro” (De 1 a 4 anos. Imprescindible reservar praza).
- 27 de abril, Larraitz “Monicreques nas mans” (Maiores de 5 anos. Imprescindible reservar praza)

BIBLIOTECA MUNICIPAL Mª JOSÉ TRINCADO - MERA

- 22 de abril, Paula Carballeira “Contos de terras de alá que comezan por A: África” (De 3 a 10 anos).

BIBLIOTECA MUNICIPAL Mª JOSÉ RUSO - DORNEDA

- 25 de abril, Ramiro Neira Bebecontos “Chsss!” (De 1 a 4 anos. Imprescindible reservar praza).

BIBLIOTECA MUNICIPAL ÁNXEL FOLE - NÓS

- 29 de abril, Trinke Trinke A gran Lilí Gruyere “Contos de primavera” (De 3 a 10 anos).

BIBLIOTECA MUNICIPAL MANUEL MARÍA - OLEIROS

- 26 de abril, Soledad Felloza “Ao redor da lareira” (De 3 a 10 anos).

BIBLIOTECA MUNICIPAL XOGRAR MENDIÑO - LORBÉ

- 28 de abril, Paula Carballeira “Contos de terras de alá que comezan por C: Colombia” (De 5 a 10 anos).
 

back link