Oleiros, 12 de maio de 2016-. As alumnas do obradoiro de memoria de Mera realizaron unha actividade interxeracional co alumnado de 2º de Primaria do CEIP Luis Seoane. Maribel, Fina, Marisa e Gelines compartiron cos nenos e nenas de 2º curso de primaria os recordos e vivencias de cando eran como eles, cancións, xogos, anécdotas... compartiron boa parte da mañá nunha actividade na que ademais ensinaron como facer bonecas e yo-yos como as que facían elas cando eran pequenas.
As persoas maiores que acoden aos talleres de memoria que desenvolve o Concello de Oleiros en Mera levan anos traballando sobre a historia da localidade así como dos seus elementos máis característicos como a lagoa, a telleira, o mar... Nestes últimos anos fixeron de guías nas rutas de sendeirismo de Camiños de Oleiros, participaron na elaboración da publicación “Oleiros na memoria” e colaboraron en distintas actividades, culminando no día de hoxe cun proxecto no que se levaba varios meses traballando: unha actividade interxeracional co alumnado do centro escolar da localidade, o CEIP Luis Seoane, co obxectivo de que coñezan a historia da vila e como era a vida nos tempos nos que os seus avós e avoas eran nenos.
Maribel, Fina, Marisa e Gelines contaron a historia da Lagoa, da fábrica de ladrillos... de como era a vida en Mera na súa infancia, da súa escola, da vida que se facía nas casas, en que traballaban os maiores daqueles tempos..., en definitiva, unha auténtica lección de historia contada polas súas protagonistas. Unha experiencia moi positiva e enriquecedora para ambas partes, nenos maiores, na que o compartir elementos comúns como os xogos e os xoguetes achegou a dúas xeracións que viven e viviron momentos tan distintos, aínda que non tan distantes, da historia de Mera.