O acto contou coas intervencións da activista palestina Sahar Shatat; Xulia Mirón de BDS A Coruña; o alcalde Ángel García Seoane; e o cantautor Paris Joel.
Desde outubro, un dos exércitos mellor equipados do mundo ataca de maneira indiscriminada hospitais, escolas, edificios residenciais, campamentos de refuxiados, destacamentos de ONG... É un exterminio de persoas sen filtros de ningún tipo, no que os nenos e nenas están a sufrir a peor parte. A crueldade do Goberno israelí é tal que non permiten a entrada nin de alimentos nin de medicamentos para matar de fame e de enfermidades aos que non caen a bombazos.
Esta horripilante invasión militar está a contar co beneplácito da O.N.U. e da maioría dos Gobernos democráticos de Occidente, que apoian ao Estado de Israel. Os líderes políticos e diplomáticos mundiais levan meses exercendo de títeres e lacaios dos amos do mundo. Só agora, cando a devastación xa é total e se albisca a fin dos ataques israelís, empezan a escoitarse tímidas denuncias por parte dalgúns dirixentes. Intentan limpar conciencias e currículums, sabedores de que a historia non os absolverá.
O certo é que as febles condenas de tan deleznables feitos chegan tarde, moi tarde, para os milleiros de asesinados e feridos, así como para os que o perderon todo -co pouco que xa tiñan-. Aínda que o intenten ocultar, os autoproclamados defensores da democracia e dos dereitos humanos no mundo fixeron caixa vendendo inxentes cantidades de armas que causaron a morte e a destrución total de Gaza.
O Goberno corrupto de Netanyahu leva meses asasinando impunemente, pero para Israel non se decretan bloqueos económicos nin comerciais, cos que os países occidentais si castigan á poboación de Estados con gobernos non afíns. A axuda humanitaria prestada á poboación de Gaza foi ridícula e non houbo nin o máis mínimo intento de prestar o apoio militar que precisaban os 2 millóns de palestinos para defenderse da masacre.
A nosa civilización, esa que críamos a máis avanzada da historia, está sumida entre as tinieblas da deshumanización. Asistimos a un novo modelo social imposto no que predomina o egoísmo e no que non se empatiza coa dor allea. Mesmo ante un horror humano como o do xenocidio de Gaza a reacción que se pretende inocular é da indiferencia.
Mais os téntaculos da dominación, cada vez máis estendidos en todas as sociedades do mundo, nunca poderán calar aos que cremos no dereito de todos os pobos a vivir en paz na súa terra. Non poderán silenciar a millóns de persoas no mundo concienciadas que militamos na trincheira do humanismo e da solidariedade.
Promovendo as artes e a cultura, proporcionando información veraz e cultivando o pensamento crítico é posible crear territorios libres para abrir as mentes e derrotar ao monstro da deshumanización.
Hoxe é Palestina, pero mañá podemos ser nós. Rubios, morenos, cristianos, mulsulmáns, occidentais, orientais… Todas as vidas humanas valen o mesmo. Non nos deixemos levar polos camiños da ruindade humana.