Oleiros, 24 de abril de 2013-. O Concello de Oleiros abriu o prazo de preinscripción nas distintas actividades que oferta dentro do seu programa de verán para escolares. Este completo programa inclúe actividades culturais, de ocio e deportivas. A preinscrición poderase realizar a través da web municipal, na carpeta cidadá, ou presentando a documentación na conserxería da Fábrica de Perillo. O prazo permanecerá aberto ata o próximo 10 de maio.
Posteriormente, do 20 ao 23 dese mes publicarase a listaxe e permitirase presentar reclamacións. O 24 de maio realizarase un sorteo público para a adxudicación das matrículas e o 29 publicarase a listaxe definitiva. Finalmente, entre o 3 e o 14 de xuño poderase realizar o pagamento e presentar a documentación necesaria.
Terán prioridade na adxudicación das prazas as persoas empadroadas en Oleiros. No caso de haber máis persoas solicitantes empadroadas que prazas, resolverase polo mencionado sorteo público que se levará a cabo na Fábrica ás 13.00 horas. Se alguén desexa apuntarse a varias quendas da mesma actividade, deberá saber que no momento en que resulte admitido nunha, quedará relegado na listaxe de espera das seguintes actividades á espera de obter praza.