Oleiros, 13 de xuño de 2016-. O vindeiro 4 de xullo remata o prazo de inscrición para participar nun curso de iniciación á vela que terá lugar en Mera entre o 11 e o 15 de xullo. As persoas interesadas en participar deben formalizar a inscrición no rexistro municipal, entregando a ficha de inscrición, debidamente cuberta e asinada polos pais ou titores dos solicitantes. A cota de inscrición é de 25 euros.
O curso, que forma parte da campaña de vela da Deputación da Coruña, ten unha duración dunha semana con dúas quendas, unha de mañá de 10:00 a 14:00 horas e outra de tarde de 16:00 a 20:00 horas. A actividade consta principalmente dunha iniciación aos principais conceptos teóricos e prácticos da navegación a vela, así como un curso básico da elaboración de nós mariñeiros. A incorporación e regreso ás instalacións náuticas onde se desenvolverán os cursos correrá por conta dos participantes.