O Concello de Oleiros non cesará nas súas demandas ata que a Xunta de Galicia acometa as obras de renovación do espazo no que comen os nenos e nenas, que se atopa nun estado totalmente impresentable. O comedor atópase fortemente degradado con paredes totalmente desfeitas, humidades, filtracións de auga...
“Xa fai case un mes que acabou o curso e non vemos movemento de ningún tipo. Esta obra ten que facerse antes de que comecen outra vez as clases. Non imos permitir que os nenos e nenas do colexio de Santa Cruz teñan que comer nese espazo”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.
O ensino é unha competencia autonómica e é a Xunta de Galicia á que lle corresponden este tipo de actuacións, non ao Concello. Á administración municipal só lle corresponden os mantementos menores. Lamentablemente, a Xunta rara vez asume as súas obrigas coa axilidade que se require, tal e como están a sufrir os nenos e nenas do colexio de Santa Cruz.
Por parte do Concello, durante este período sen clases, estanse a realizar distintas obras menores de mantemento en todos os centros, a petición das direccións e das ANPA. No caso de Santa Cruz, xa están en marcha obras de renovación da cuberta e do pavimento do pavillón Arsenio Iglesias.