Hemeroteca

Dende Outubro 2010

Atrás A Xunta só financia o 32% do gasto do SAF en Oleiros, cando a lei establece o 100%

Durante o pasado ano 2025, o Concello de Oleiros prestou 73.819 horas de servizo de axuda a domicilio a persoas dependentes. O custo total foi de 1,7 millóns dos que o Concello pagou o 52%, 934.736 euros. A Xunta só financiou o 32% con 580.745 euros. As persoas usuarias achegaron 253.796 euros, o 16%.

Por lei, a Xunta –que recibe fondos do Estado para este fin- está obrigada a pagar o 100% do servizo. Aos concellos correspóndelle unicamente a xestión, non o financiamento.

O déficit existente no ano 2025 é de case un millón de euros e está a ser cuberto con fondos municipais, o que supón un importante detrimento de recursos para obras, cultura, deportes e servizos básicos locais que si competen exclusivamente aos concellos. Un dereito dos veciños e veciñas de Oleiros que a Xunta está a vulnerar, para despois investir eses recursos noutros territorios.


LIBRE CONCORRENCIA

Do total de horas prestadas polo Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Oleiros, 24.103 (32% do total) corresponden á denominada libre concorrencia. Mentres na maioría de concellos galegos non se atende a ningunha persoa ata que a Xunta resolve a valoración da dependencia (entre 1 e 2 anos de espera), o Concello de Oleiros si o fai desde o momento que o demandan, pois desde o Goberno municipal enténdese que unha persoa dependente non pode estar sen este servizo de atención, tan importante para a calidade de vida e benestar das persoas usuarias e as súas familias.

Desas 24.013 horas que se prestaron en 2025, a Xunta só financiou o 11%, 67.123 euros. O Concello pagou o 67% con 390.208,27 euros e as persoas usuarias, en base ás súas respectivas rendas familiares, 116.841 euros.

PACTO VERGOÑENTO

A FEGAMP (Federación Galega de Municipios) e a Xunta de Galicia acaban de asinar un acordo que segue incumprindo a lei. Ese convenio establece para o 2028 unha achega da Xunta de Galicia de 18 euros/hora, cando neste momento xa está en 24 euros/hora e que con toda seguridade se verá incrementado proximamente de forma considerable.
A FEGAMP, que é o organismo que supostamente debería representar a todos os concellos galegos, está presidida polo alcalde de Vilagarcía. Semanas antes da sinatura deste inaceptable acordo para calquera alcalde ou alcaldesa galego, o Concello de Vilagarcía recibía da Xunta 25 millóns para unha nova depuradora.

ACCIÓNS XUDICIAS

Para defender o cumprimento da lei e os dereitos dos veciños e veciñas de Oleiros a que os fondos que lle corresponden ao municipio non se desvíen a outros territorios, o alcalde presentou unha moción na Deputación para denunciar os feitos ante os tribunais. A proposta foi aprobada e os servizos xurídicos da Deputación están a realizar os trámites necesarios para presentar unha denuncia conxunta de todos os concellos da provincia.
 
O MODELO NON FUNCIONA

Non se trata só dunha cuestión financeira. O sistema de atención á dependencia camiña cara ao colapso. Para evitalo, a Xunta está na obriga de abrir un diálogo sincero con todas as partes interesadas: concellos, asociacións, ONG, patronal, sindicatos, axentes sociais… para buscar alternativas e solucións que permitan establecer medidas realmente efectivas, e non máis plans de choque ineficaces, absurdos e afastados das necesidades reais das persoas dependentes e as súas familias. 

A crise do modelo imposto polo Goberno autonómico do Partido Popular maniféstase, por exemplo, nos tempos que tarda a Xunta de Galicia en resolver as valoracións de dependencia; ou na continua perda da calidade de servizo, motivada principalmente polas condicións laborais das traballadoras do SAF, maioritariamente mulleres, cun convenio colectivo que leva máis dunha década caducado, sen medidas de prevención de riscos adaptadas etc.
 

back link