Hemeroteca

Desde Octubre 2010

Atrás A Xunta pon en risco o futuro do CEIDA bloqueando a renovación do convenio, dos estatutos e da dirección

Por iniciativa do Concello de Oleiros, no ano 1997 creouse o CEIDA, con sede no Castelo de Santa Cruz. Para a súa fundación asinouse un convenio e uns estatutos que levan case dous anos caducados e que establecían, entre outras cousas, que o Concello cede o Castelo de Santa Cruz e asume o mantemento do centro, que a Xunta de Galicia achega 2/3 do financiamento e a Universidade da Coruña 1/3.

Malia existir acordo entre todas as partes para a sinatura dun novo convenio e uns novos estatutos, a Xunta de Galicia, que ostenta a presidencia do organismo durante este ano (é rotatoria), ten o proceso paralizado. Igual que tamén ten bloqueada a renovación da praza de director.

“Levamos un ano sen que a conselleira, que é a presidenta do CEIDA, pisara o centro. Tivemos varias reunións, mandan a unha funcionaria moi amable, pero hai que levar adiante o cambio de estatutos, a renovación do convenio e convocatoria para a praza da dirección. É que estamos sen director! Mandeille unha carta á conselleira e non nos contestou... É un desprezo total ao Concello de Oleiros”, dixo o alcalde.

Galicia non pode perder o centro máis importante de investigación e divulgación medioambiental. O CEIDA é fundamental para conectar a investigación académica, a xestión pública e a sensibilización cidadá en materia de medio ambiente. Nun momento histórico como o actual, a promoción dun cambio de conciencia a través da educación e a formación especializada é determinante. Ademais xoga un papel clave na protección do patrimonio natural galego ao coordinar programas de divulgación, xestionar recursos documentais e fomentar a participación pública na conservación da biodiversidade.

Se a Xunta de Galicia realmente aposta pola continuidade do CEIDA debería demostralo.
 

back link