A Xunta négase a que liña Entrexardíns-O Seixal se prolongue ata a Igrexa de Nós; négase a crear novas liñas para atender as zonas de Franzomel, Abeleiras e Xaz; tampouco quere ampliar as conexións co polígono comercial de Iñás; négase a reforzar as liñas principais, nin tan se quera en hora punta; e négase tamén a que o bus 1-A conecte con Santa Cristina.
Tampouco se creará, polo menos proximamente, a liña entre Perillo e a Universidade, nin as conexións reclamadas para os polígonos. A representante da Xunta alegou que seguirá estudando a súa implantación, pero pasados xa case dous anos esa resposta constitúe unha absoluta falta de respecto e un menosprezo ao conxunto da cidadanía da comarca da Coruña, ante o que o alcalde e o concelleiro decidiron abandonar a reunión.
A Xunta de Galicia ten as competencias exclusivas sobre o transporte público en todos os municipios de menos de 50.000 habitantes. Os feitos demostran que non existe vontade real de promover o uso do bus para reducir o uso do coche privado e, por conseguinte, mellorar o tráfico e o medio ambiente. A verdadeira preocupación da Xunta non é prestar un servizo de transporte nas mellores condicións senón garantir o beneficio económico da empresa concesionaria.
Ante esta actitude da Xunta de Galicia e o clamor existente entre a cidadanía que demanda un mellor servizo, o Concello de Oleiros solicitará unha reunión co Concello da Coruña para explorar as posibilidades reais existentes de crear un Consorcio Metropolitano de Transporte entre os concellos da comarca para dispoñer dun servizo de buses público que realmente atenda as necesidades de desprazamentos en toda a área metropolitana.